O Concello de Boqueixón informa da apertura, ata o vindeiro 18 de xullo, do prazo de inscrición no programa “Benestar en balnearios”, organizado pola Xunta de Galicia. Un programa dirixido a persoas maiores de 60 anos (ou maiores de 55 en condición de pensionista) e persoa acompañante (se se desexa, máximo 2 prazas por persoa) e que inclúe 10 días en réxime de pensión completa a escoller entre 15 balnearios de Galicia en quendas que van desde o mes de xullo ata o mes de decembro de 2024. Velaquí un resumo do programa. Máis información nos Servizos Sociais de Boqueixón: 981 513 106.
Normativa
Orde do 6 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e de axudas para o ano 2024, e se procede á súa convocatoria. (DOG nº 116 do 17/6/2024) BS607A
Obxecto
Convocar un total de 1.235 prazas para para as estadías e o tratamento termal dentro do programa de Benestar en balnearios 2024, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos termais que se relacionan no anexo IV.
En cada solicitude só se poderá relacionar un máximo de 3 destinos por orde de prioridade.
Persoas beneficiarias: Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
- Ser maior de 60 anos, ou de 55 e, neste caso, reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
- Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
- Non padecer alteracións do comportamento que poidan afectar a normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
- Acadar, de conformidade co baremo, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.
A persoa solicitante poderá ir acompañada de:
- O seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa cal teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados anteriormente, excepto o sinalado na letra a)
- Un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este o poida facer sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras e cumpra os requisitos, agás o da letra a).
- Unha persoa coa cal desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos.
As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Duración e servizos ofertados: As quendas teñen una duración de 10 días (nove noites) cada unha, realizaranse en réxime de pensión completa e comprenderán desde as 12:00 h. do día de chegada ata as 12:00 h. do día de saída.
O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 17 de xullo e o 18 de decembro do ano 2024.
Servizos:
- Aloxamento e manutención en réxime de pensión completa e en cuartos dobres de uso compartido, ou no caso de existir dispoñibilidade en cuartos individuais.
- Tratamentos termais, coas indicacións terapéuticas que figuran para cada balneario no anexo IV, que comprenderán:
- Recoñecemento médico, ao ingresar no balneario, para a prescrición do tratamento.
- Tratamento termal básico que, en cada caso, prescriba o persoal médico do balneario.
- Seguimento médico do tratamento.
- Programa de actividades de animación sociocultural que se leve a cabo no establecemento hoteleiro ou termal.
- Póliza colectiva de seguro turístico.
O desprazamento desde o domicilio ata o establecemento termal así coma o de regreso será por conta das persoas beneficiarias, sen prexuízo de que se poidan acoller ás facilidades para o transporte que oferte o balneario, se for o caso.
As persoas solicitantes que estean interesadas en aloxarse nun cuarto individual, no caso de que haxa dispoñibilidade, teranse que facer cargo da diferenza entre o prezo aboado e o prezo total dese cuarto.
As persoas solicitantes que precisen dalgún tipo de apoio ou dieta especial terano que indicar no momento de presentar a solicitude, nos termos do anexo I e acreditalo ao incorporarse á quenda..
A participación nas excursións ou actividades con custo adicional que organice o establecemento termal ou hoteleiro deberano facer as persoas beneficiarias polos seus propios medios e ao seu cargo.
Prezo: O prezo a pagar por cada persoa beneficiaria, por estadía na praza do establecemento balneario e quenda adxudicada é o seguinte:
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou 3 estrelas categoría superior: 377,89 €.
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 349,89 €.
- Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 269,17 €.
O devandito importe é un prezo pechado para todos os servizos incluídos na quenda da estadía, sen que proceda efectuar ningunha dedución se, por calquera causa imputable á persoa beneficiaria do programa, esta non goza da totalidade dos servizos.
A Consellería de Política Social e Igualdade contribuirá ao financiamento do custo das estadías, cunha achega por praza, polos importes seguintes:
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 4 ou 3 estrelas categoría superior: 244,65 €.
- Balnearios con establecementos hoteleiros de 3, 2 ou 1 estrela: 241,74 €.
- Balnearios con outro tipo de aloxamentos: 233,32 €.
A Consellería de Política Social e Igualdade aboará directamente ao establecemento balneario correspondente o importe da achega que se establece, sendo por conta da persoa beneficiaria o resto do importe, consonte cos prezos dos contratos formalizados cos establecementos relacionados no anexo IV..
Documentación: Solicitude e anexos
- a) Anexo II, se procede: datos do/da fillo/a da persoa solicitante. Xunto co anexo II deberá achegarse a seguinte documentación:
- Copia do pasaporte, se procede, do fillo ou filla con discapacidade acompañante.
- Informe médico actualizado do/da fillo/a, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual ou similar.
- Certificado do grao de discapacidade do fillo ou filla da persoa solicitante, se o dito certificado non fose expedido pola Xunta de Galicia ou non estiver no poder desta.
- b)Anexo III, se procede: datos da persoa acompañante. Xunto co anexo III deberá achegarse a seguinte documentación:
- Copia do pasaporte, se procede, da persoa acompañante.
- Informe médico actualizado da persoa acompañante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual ou similar.
- Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia da persoa acompañante, se for o caso.
- c) Copia do pasaporte, se procede, da persoa solicitante.
- d) Copia do libro de familia ou certificado do rexistro civil equivalente da persoa solicitante no caso de que queira acudir ao programa acompañada dun fillo ou filla con discapacidade.
- e) Certificado das pensións non outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) nin pola Xunta de Galicia da persoa solicitante, se for o caso.
- f) Informe médico actualizado da persoa solicitante, no caso de ter algunha limitación, alerxia ou enfermidade que requira dalgunha atención especial como tratamento farmacolóxico, alimentación, accesorio de apoio, cuarto individual ou similar.
Prazo presentación de solicitudes: Un mes contado desde o día seguinte á publicación desta orde no DOG. Ata o 17 de xullo de 2024.
Lugar de presentación
- Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
- Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Adxudicación de estadías e forma de pagamento
Na resolución de concesión indicarase o establecemento balneario e quenda na que se lle outorga a estadía na praza do dito establecemento, o custo e o importe a pagar en concepto de reserva de praza, os trámites necesarios para formalizar a adxudicación definitiva, así como a documentación e material ou accesorios que precisa levar para incorporarse ao programa.
Unha vez notificada a concesión da estadía, as persoas beneficiarias teñen a obriga de confirmar por escrito, e no prazo que se lles indique na resolución de concesión, a súa aceptación acompañada do xustificante de pago da cantidade de 30,00 € que en concepto de reserva de praza.
As persoas que formalizaran a súa adxudicación definitiva aboarán directamente no establecemento balneario, cando se incorporen á quenda, a diferenza entre o prezo para a estadía e a cantidade xa achegada en concepto de gastos de xestión da reserva.
Máis información sobre este programa
- Liña de atención directa a maiores Canle+65: 900 333 666
- Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria
- Subdirección Xeral de Envellecemento Activo, Prevención da Dependencia e Innovación Sociosanitaria
- Servizo de Envellecemento Activo e Prevención da Dependencia. Email: politicasocial@xunta.gal – Teléfono: 881 995 961
- Na web: politicasocial.xunta.gal
Solicitudes
Departamento de Servizos Sociais do Concello de Boqueixón. 981 513 106.