O alcalde de Boqueixón, Ovicio Rodeiro Tato, mantivo hoxe un encontro coa conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, para avaliar un proxecto municipal para mellorar o sistema de saneamento ma localidade.
Nesa liña, o alcalde trasladoulle á conselleira a proposta de utilizar foxas sépticas comúns con sistemas de infiltración no terreo para a depuración de augas residuais de pequenos grupos de vivendas para evitar quilómetros de canalización. Ademais, a iniciativa inclúe ofrecerlles ás casas máis illadas unha foxa séptica para cada unha co compromiso de que se adhiran ao sistema de mantemento que presta a empresa concesionaria do servizo.
Durante o encontro, Ángeles Vázquez incidiu en que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.