O Concello de Boqueixón lamenta informar do aprazamento da Cerimonia do Lume Sagrado, prevista no ciclo “Mes e Pico” para este domingo 16 de xuño debido ás malas prediccións meteorolóxicas, que impiden a celebración da actividade. A nova data de celebración será o domingo 23 de xuño, tamén ás 13:00 horas, no que contaremos coa colaboración da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada) e coa actuación do grupo de música tradicional Son de Gaita.
Así, esta celebración celta, encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, volverá a representarse no Pico Sacro recuperando de forma simbólica a tradición dos nosos devanceiros na festa do solsticio de verán: a obtención do lume sagrado directamente do Sol. Outro cambio importante é no horario da recollida do lume sagrado para prender as fogueiras da noite de San Xoán: non se repartirá pola tarde, senón que as candeas poderán ser recollidas no propio 23 de xuño ao rematar a cerimonia.
Ademais, todas as persoas que desexen participar activamente na cerimonia poden solicitar os traxes de época no momento de inscribirse no Departamento de Turismo de Boqueixón, en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.