A delegada da Xunta da Coruña, Belén do Campo, o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, visitaron esta mañá as casas do maior de Lodeiro e Carabán, nas que os seus usuarios reciben unha atención personalizada preto das súas vivendas.
A representante do Goberno autonómico destacou a importancia destes servizos para garantir uns coidados de calidade e gratuítos aos maiores que residen no rural. Así apuntou que, nestes momentos, na comarca de Santiago están operativos 10 centros deste tipo nos concellos de Boqueixón (2), Frades (2), Santiso (1), Toques(1), Tordoia (3) e Val do Dubra (1).
Durante a visita, Belén do Campo animou aos particulares a solicitar as axudas para a creación de 20 novas casas do maior. A Xunta destina 1,3 millóns de euros a esta convocatoria que permitirá a posta en funcionamento de 100 prazas 100% gratuítas para persoas maiores de 60 anos que viven en concellos de menos de 5.600 habitantes que non contan con servizos de atención diúrna. As bases poden consultarse no Diario Oficial de Galicia (DOG) do xoves 23 de maio.
Con esta nova convocatoria, Galicia rematará o ano con 143 casas do maior. Unha medida pioneira que Executivo autonómico comezou a implantar no ano 2018 e na que desde entón leva investidos 22,4 millóns de euros. Os promotores destes recursos reciben subvencións para as obras de acondicionamento dos inmobles nos que prestarán o servizo, para o mantemento da actividade e para o desprazamento dos usuarios. Así mesmo e como novidade, esta orde establece unha axuda complementaria de 150 euros semanais nos casos de baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada da casa do maior.
As persoas interesadas en poñer en marcha unha casa do maior teñen ata o 24 de xuño presentar as súas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta.
Ofrecemento do Concello
Neste sentido, compre lembrar que o Concello de Boqueixón xa anunciou que autorizará a ocupación dun local na Casa da Cultura de Camporrapado para acoller unha nova Casa do Maior, que poderá ser ocupado temporalmente pola persoa que resulte adxudicataria da subvención para a posta en marcha dunha nova casa do maior en Boqueixón como consecuencia da Resolución que dite a Consellería de Política Social. Unha persoa que deberá estar empadroada en Boqueixón.
Boqueixón conta na actualidade con dúas instalacións deste tipo: a Casa do Maior Lodeiro, posta en marcha na parroquia de Loureda pola emprendedora Marta Renda Guillán a principios de 2021; e a Casa do Maior de Carabán, promovida por Beatriz Mella Pazos a principios de 2024. Cada una delas dispón de 5 prazas: ben cinco persoas a tempo completo de 8 horas ou incluír xente a tempo parcial de 4 horas).
Poden acceder a estes servizos persoas de máis de 60 anos, tendo preferencia aquelas que teñan recoñecidos graos I ou II de Dependencia. O prezo é totalmente de balde, tanto do servizo como do desprazamento, financiado pola Consellería de Política Social. O xantar ten un prezo de 5 euros. O seu horario de atención é diúrno, durante 8 horas de luns a venres.
Os Servizos Sociais de Boqueixón serán os encargados de tramitar as solicitudes de praza na nova casa do maior, polo que as persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao 981 513 106.