A primeira visita, de 2 horas de duración, terá lugar o sábado 29 de xuño. O prezo é de 30 €/persoa (20 € empadroadas en Boqueixón)
O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía organizarán un total de 28 visitas guiadas á cova do Pico Sacro, que terán lugar os durante sete sábados dos meses de xuño, xullo, agosto e setembro. Isto permitirá que un total de 140 persoas, maiores de 12 anos, descubran os segredos da cova máis lendaria de Galicia. Todas as persoas interesadas en participar na iniciativa “Baixadas espeleolóxicas ás covas do Pico Sacro” poderán anotarse a partir do luns 10 de xuño a través do mail espeleoloxia@gmail.com
Unha iniciativa que foi presentada esta mañá no propio Pico Sacro polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, quen estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Espeleoloxía, Gonzalo Villarmea. Rodeiro agradeceu o traballo dos técnicos da Federación na realización desta actividade pois “este tipo de iniciativas son moi importantes xa que contribúen a poñer en valor o noso Pico Sacro e son un argumento máis para que sexa declarado Ben de Interese Cultural”. Neste sentido, lembrou que “o Pico Sacro é un dos referentes turísticos xa non de Boqueixón senón de Galicia, e con estas actividades tamén o estamos a converter nun punto clave para as persoas amantes do deporte”.
Pola súa banda, Gonzalo Villarmea fixo fincapé na seguridade desta actividade e no valor da experiencia “pois a cova do Pico é un punto especial tanto dende o punto de vista cultural, con toda a tradición da Raíña Lupa ou do dragón, pero tamén dende o punto de vista xeolóxico e espeleolóxico pois é unha montaña de cuarzo no medio dun territorio caracterizado polo granito e tamén é unha das poucas que se poden visitar en Galicia xunto á Cova do Rei Cintolo”.
140 visitantes
As baixadas á cova do Pico Sacro son totalmente seguras e estarán guiadas por técnicos da Federación Galega de Espeleoloxía, que se encargarán de proporcionar todo o equipo necesario para desfrutar desta actividade. Tras unha pequena formación técnica sobre o manexo dos arneses, as cordas e a escaleira de baixada por parte dos monitores especializados, as 5 persoas participantes por cada quenda entrarán polo Pazo da Raíña Lupa, de xeito individual e guiados en todo momento polos técnicos da Federación, e sairán pola Contramina de Juan Antón.
A visita conta cunha baixada vertical inicial polo chamado “Pozo do Pico”, con dous rápeles de 6 e 13 metros. A experiencia finaliza cun ascenso de 8 metros dende o Burato dos Mouros ata a entrada da Contramina de Juan Antón. A duración total da iniciativa será de 2 horas.
O Concello de Boqueixón e a Federación Galega de Espeleoloxía convocan 7 días de visita, todos eles sábados: 29 de xuño; 13 e 27 de xullo; 10 e 24 de agosto; e 7 e 21 de setembro en catro horarios diferentes, tanto de mañá (de 10:00 a 12:00 horas e de 12:00 a 14:00 horas) como de tarde (de 16:00 a 18:00 horas e de 18:00 a 20:00 horas). Unha programación aberta a modificacións dependendo da climatoloxía.
Establécese un máximo de 5 participantes por quenda, que deberán ser maiores de 12 anos (os menores de idade deberán estar acompañados por unha persoa titora legal) e anotarse a partir do luns 10 de xuño a través do mail espeleoloxia@gmail.com
Prezos
O prezo da visita guiada é de 30 euros por persoa, que inclúe: visita guiada por monitores da Escola Galega de Espeleoloxía, equipamento (buzo, guantes, casco e lanternas frontais), seguro de responsabilidade civil e seguro de accidentes. As persoas empadroadas en Boqueixón terán un prezo especial de 20 euros por persoa, mentres que a mocidade entre 12 e 18 anos desfrutará dunha tarifa de 15 euros por persoa.
O punto de encontro para as persoas participantes será o aparcamento do Pico Sacro. Dende a organización recomendan asistir con roupa e calzado pechados e cómodos. Máis información na Federación Galega de Espeleoloxía (www.espeleoloxia.org ou 982 507 227) e no Departamento de Emprego, Formación e Turismo de Boqueixón (www.boqueixon.gal ou 981 513 061).