O Concello de Boqueixón abre o prazo de solicitude para as cacharelas da noite de San Xoán. A entrega da documentación correspondente deberase realizar antes das 23:59 horas do xoves 20 de xuño no Rexistro Xeral boqueixanés. O modelo de solicitude pódese descargar premendo aquí.
Dende o Concello de Boqueixón insistimos na necesidade de que as solicitudes localicen e identifiquen perfectamente a parcela onde se vai facer a cacharela, achegando sempre a referencia catastral da finca na que se vai emprazar (que podes atopar, por exemplo, no recibo do IBI, nunha escritura de compravenda ou consultala a través da sede electrónica do Catastro).
Ademais, lembramos que estes permisos son única e exclusivamente para as cacharelas da noite do 23 ao 24 de xuño e que dende o Concello non se autorizarán fogueiras noutras datas. Finalmente, apuntamos algunhas normas de obrigatorio cumprimento para maior seguridade á hora de montar as cacharelas de San Xoán:
- As persoas, organizacións ou comunidades que desexen realizar unha cacharela, presentarán a solicitude correspondente no rexistro deste concello antes das 23:59 horas do día 20 de xuño, sinalando o lugar elixido (sempre coa referencia catastral da parcela), así como o nome, enderezo e teléfono dos responsables da organización ou comunidade, que deberán coidar os arredores.
- O volume de combustible da cacharela non sobrepasará os seis (6) metros de perímetro nin os dous (2) de altura.
- A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será, como mínimo, de vinte (20) metros. Porase especial coidado de non situalas debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos. Evitaranse tamén os lugares onde exista algún local no que se almacenen produtos inflamables.
- Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, etc., e en xeral, calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico.
- En ningún caso se botará ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprays), aínda cando estean baleiros.
- No suposto de que a cacharela se faga sobre terreos de uso público enlousado, os organizadores encargaranse de protexer o pavimento cunha capa de area de 10 cm.
- Ao rematar a cacharela e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e a pavimentación quede no mesmo estado no que se atopaba antes de iniciarse o lume.
- Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado ó remate da actividade, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento do mesmo, inmediatamente despois de rematada a cacharela e/ou sardiñada.
Por unha segura e feliz noite de San Xoán para todos e todas.
Adxuntos
- DeclaracionResponsableCacharelas (747 kB)