O Concello de Boqueixón participa un ano máis na Feira Internacional de Galicia Semana Verde, concretamente na Feira de Festas de Interese Turístico FESTUR 2024. Un fantástico escaparate para o municipio xa que dende o xoves 30 de maio ata o 2 de xuño agárdase que visiten estas instalacións máis de 100.000 persoas.
Na caseta do Concello de Boqueixón estanse a promover tanto a Festa da Filloa de Lestedo, recentemente distinguida como Festa de Interese Turístico Nacional, xunto aos Entroidos dos Xenerais da Ulla de Sergude e Boqueixón, Festas de Interese Turístico de Galicia. Unha distinción da que seguro gozará en breve As Carrozas do San Cidre, tamén presentes na caseta xunto a outras actividades como o ciclo “Mes e Pico” ou lugares emblemáticos como Ponte Ledesma ou o Pico Sacro.
Goza do Ulla
Así mesmo, o Concello de Boqueixón participa un ano máis no “Goza do Ulla 2024”, un programa de rutas de sendeirismo pola natureza, seguindo o río Ulla. As rutas desenvolveranse dende o mes de xuño e ata finais de outubro. A camiñata por Boqueixón terá lugar o 20 de xullo (máis información).