Poderá solicitarse en casos de necesidade relacionadas con cuestións médicas, laborais ou administrativas
O Concello de Boqueixón vén de crear un Servizo Municipal de Canguraxe de balde para o coidado de nenos e nenas menores de 11 anos no propio domicilio familiar. Trátase dunha inicaitiva incluída dentro do Plan de Conciliación do Concello de Boqueixón e conta coa colaboración da Xunta de Galicia (Plan Corresponsables).
O alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, explica que “Boqueixón é un concello ideal para vivir e ter fillos, por iso decidimos ir un paso máis aló nos servizos de conciliación da vida laboral e familiar a través deste Servizo de Canguraxe que poderá solicitarse en casos especiais como cuestións médicas, entrevistas de traballo ou citas ante a Administración”.
Causas para solicitar o Servizo de Canguraxe
Así, as familias de Boqueixón poderán solicitar este Servizo Municipal de Canguraxe en caso de citas médicas ou ingresos hospitalarios. Tamén poderá pedirse en caso de ter unha entrevista para un posto de traballo, presentarse a unha probas de oposición ou de cualificación profesional ou cando sexa obrigatorio asistir presencialmente a cursos de ampliación da formación profesional (cursos de alfabetización, graduado escolar…) durante o tempo imprescindible para a súa realización. Ademais, poderá solicitarse este servizo en caso de comparecencia ante calquera Administración.
Como solicitalo
O Servizo Municipal de Canguraxe de Boqueixón estará operativo de luns a venres (agás festivos), en horario de 7:00 a 22:00 horas. Poderá solicitarse cun mínimo de 48 horas de antelación, cubrindo a seguinte ficha de inscrición.
Máis información no Centro de Información á Muller ou no Departamento de Cultura: 981 513 106 ou 981 513 115.
Adxuntos
- Ficha Canguraxe (209 kB)