“Xeoloxía e astronomía no Pico Sacro”. Esta é a temática sobre a que xirará a sexta edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa promovida polo Concello de Boqueixón e a Xunta de Galicia para poñer en valor o monte ilicino. Unha programación que foi presentada esta mañá polo secretario xeral da Lingua, Valentín García, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, que estiveron acompañados polo físico, profesor e divulgador científico Jorge Mira.
Ovidio Rodeiro salientou que “estes seis anos de actividades demostran que o Pico Sacro merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Pola súa relación coa cultura Xacobea e a relixión, pola súa pegada na nosa literatura, polas súas características arqueolóxicas e polos seus atractivos para a espeleoloxía, como temos comprobado en anos anteriores. Agora imos centrarnos nos seus valores xeolóxicos, pois esta montaña de cuarzo nun territorio caracterizado polo granito é unha auténtica singularidade xeolóxica, e no seu valor como punto de observación astronómica, cos seus 533 metros de altura e libre de contaminación lumínica”.
Programa do ciclo
A sexta edición do ciclo “Un Mes e Pico” contará con dúas visitas guiadas, unha observación astronómica dirixida por Jorge Mira, unha conferencia de Francisco Canosa e a tradicional cerimonia do lume sagrado que se desenvolverán ao longo do mes de xuño. Todas elas serán de participación de balde, se ben o número de prazas é limitado, polo que será precisa inscrición previa en boqueixonturismo@gmail.com ou chamando ao 981 513 061.
A programación abrirase o domingo 9 de xuño cunha visita xeolóxica ao Pico Sacro guiada por especialistas Geotur Galicia. “Viaxe á orixe do Pico Sacro” será un paseo pola orixe, a evolución e os elementos máis característicos da complexa historia xeolóxica e xeográfica do monte ilicino. O punto de encontro será o aparcadoiro do Pico Sacro, ás 11:00 horas.
O venres 14 de xuño, ás 19:00 horas, a Capela de San Sebastián do Pico Sacro acollerá a conferencia “O Pico Sacro visto con ollos xeolóxicos”, a cargo de Francisco Canosa Martínez, doutor en Xeoloxía pola Universidade de Oviedo e actual director científico do Xeoparque Cabo Ortegal, recoñecido como Xeoparque Mundial da Unesco. O propio Francisco Canosa será o guía da segunda visita ao Pico Sacro, “Un paseo xeolóxico pola contorna do Pico Sacro”, que terá lugar o sábado 15 de xuño, ás 17:00 horas. O punto de encontro será o aparcamento do Pico Sacro.
Cerimonia do lume sagrado
O domingo 18 de xuño, ás 13:00 horas, terá lugar a Cerimonia do Lume Sagrado, unha celebración celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos devanceiros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Un lume que quedará custodiado ata o día de San Xoán. O acto contará coa colaboración da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada) e coa actuación do grupo de música tradicional Son de Gaita. Ademais, todas as persoas que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.
Finalmente, o venres 21 de xuño, ás 23:00 horas, terá lugar “A noite de solsticio dende a tumba do dragón”, unha observación astronómica da man de Jorge Mira. Unha iniciativa que aproveitará a noite máis curta do ano, pois so dura oito horas e media á latitude de Boqueixón, das que so catro horas son de noite pechada. Unha noite que a humanidade sempre considerou como un momento máxico, como se fará nesta observación astronómica no Pico Sacro. O punto de encontro será novamente o aparcadoiro do monte ilicino.