Reduce nun 50% os prezos e ofrece por primeira vez a opción de servizo de comedor
O Concello de Boqueixón convoca unha nova edición do Verán Activo, un programa lúdico-educativo que permitirá ás familias do municipio conciliar a súa vida persoal e laboral nas vacacións de verán, ao tempo que oferta unha alternativa de lecer atractiva para crianzas. A iniciativa, enmarcada dentro do Plan Corresponsables, está dirixida a alumnado de 2º ciclo de educación infantil, primaria e secundaria (con idades comprendidas entre os 3 e os 16 anos).
As actividades terán lugar do 24 de xuño ao 10 de setembro nas instalacións municipais do Forte e do CPI Antonio Orza Couto. O horario será de luns a venres, de 9:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de ampliación horaria nos meses de xullo e agosto en caso de necesidade (ben adiantando a entrada ás 8:00 horas, atrasando a saída ás 15:00 horas ou ambas as dúas opcións). Por primeira vez, haberá opción de solicitar servizo de comedor, sendo neste caso o horario de saída ata as 15:30 horas.
O Concello de Boqueixón convoca 60 prazas para a quenda do 24 ao 28 de xuño; 120 prazas para o mes de xullo (dúas quendas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31); 75 prazas para o mes de agosto (dúas quendas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de agosto); e 30 prazas para a quenda do 2 ao 10 de setembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 11 de xuño. No caso de existir prazas vacantes, será posible matricularse por semanas ou días soltos.
Prezos e bonificacións
O Concello de Boqueixón reduce nun 50% os prezos base da actividade con respecto ao 2023. Así mesmo, establece unha serie de bonificacións de acordo coa renda familiar, de forma que as familias con ingresos mensuais inferiores ou iguais ao IPREM e os casos de emerxencia social valorados polos Servizos Sociais de Boqueixón terán unha bonificación do 100%. Bonificación que será do 75% no caso das familias numerosas con ingresos que non superen en 2 veces o IPREM (1.200 €/mes) ou do 50% para as que non superen en 3 veces o IPREM (1.800 €/mes).
Ademais, haberá un desconto do 25% polo segundo membro da familia matriculado e do 50% no caso de terceiro e sucesivos membros. No caso de querer acceder a elas, deberase presentar a documentación solicitada nas bases do Verán Activo, que están publicadas na web municipal e desde onde tamén se pode descargar o documento de solicitude correspondente, que se deberá presentar ben no rexistro do Concello, ben pola sede electrónica.
Adxuntos
- BASES Verán Activo 2024 (106 kB)
- Ficha Verán Activo (216 kB)