O local estará a disposición da persoa promotora que resulte adxudicataria da subvención para a posta en marcha dunha casa do maior na convocatoria que fará pública a Xunta no DOG do xoves 23 de maio
O Concello de Boqueixón autorizará a ocupación dun local na Casa da Cultura de Camporrapado para acoller unha nova Casa do Maior, toda vez que a Consellería de Política Social e Igualdade vén de anunciar que publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) do xoves 23 de maio unha nova orde de convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior no rural galego.
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, considera que unha nova Casa do Maior en Camporrapado será “unha vía axeitada para dar un servizo necesario, demandado pola veciñanza, sen custe e que permitirá incrementar a oferta xa dispoñible no municipio, que conta con outras dúas casas do maior en Vigo e Loureda. Sabemos que hai máis persoas interesadas en poñer en marcha algunha casa do maior noutras parroquias e dende o Concello queremos colaborar nunha iniciativa que fomenta a autonomía persoal dos nosos maiores”.
Así, o local na Casa da Cultura de Camporrapado poderá ser ocupado temporalmente pola persoa que resulte adxudicataria da subvención para a posta en marcha dunha nova casa do maior en Boqueixón como consecuencia da Resolución que dite a Consellería de Política Social na nova convocatoria que se fará pública este xoves 23 de maio. Unha persoa que deberá estar empadroada en Boqueixón.
A Xunta destinará 1,3 millóns de euros para a posta en marcha de novos equipamentos que permitirán que un centenar de maiores poidan ter acceso a unha atención personalizada na súa contorna. Con esta convocatoria, a rede de casas do maior chegará este ano ás 143. O Goberno galego leva investidos neste servizo 22,4 millóns de euros desde que se implantou no ano 2018.
Esta nova convocatoria presenta como novidade o establecemento dunha axuda complementaria de 150 euros semanais durante o período que dure a baixa de maternidade ou paternidade da persoa encargada do servizo. Lembrar que, ademais da axuda para o funcionamento dos centros, estas ordes financian as obras de adecuación da casa do maior con ata un máximo de 15.000 euros para cada unha.
Dúas casas do maior
Boqueixón conta na actualidade con dúas instalacións deste tipo: a Casa do Maior Lodeiro, posta en marcha na parroquia de Loureda pola emprendedora Marta Renda Guillán a principios de 2021; e a Casa do Maior de Carabán, promovida por Beatriz Mella Pazos a principios de 2024. Cada una delas dispón de 5 prazas: ben cinco persoas a tempo completo de 8 horas ou incluír xente a tempo parcial de 4 horas).
Poden acceder a estes servizos persoas de máis de 60 anos, tendo preferencia aquelas que teñan recoñecidos graos I ou II de Dependencia. O prezo é totalmente de balde, tanto do servizo como do desprazamento, financiado pola Consellería de Política Social. O xantar ten un prezo de 5 euros. O seu horario de atención é diúrno, durante 8 horas de luns a venres.
Os Servizos Sociais de Boqueixón serán os encargados de tramitar as solicitudes de praza na nova casa do maior, polo que as persoas interesadas en obter máis información poden chamar ao 981 513 106.