A Xunta vén de rematar as obras de mellora da drenaxe da estrada autonómica AC-960 en Camporrapado, no concello de Boqueixón.
- A intervención supuxo un investimento de case 50.000 euros e o seu obxectivo é evitar embolsamentos de auga que poidan afectar á circulación rodada e peonil pola estrada, e que o nivel da auga en episodios de fortes chuvias chegue ata vivendas e comercios
- Substituíronse as canalizacións de pluviais existentes por unhas de maior capacidade, tanto na vía autonómica como nunha estrada municipal coa que entronca
O obxectivo desta intervención, que supuxo un investimento de preto de 50.000 euros, é atallar en episodios de fortes chuvias, problemas de drenaxe da auga da estrada neste treito, evitando embolsamentos de auga que poden afectar á circulación rodada e peonil pola estrada. Con esta obra buscouse evitar, ademais, que o nivel da auga chegue ata vivendas e comercios.
En concreto, baixo este contrato interveuse na mellora da drenaxe a través da substitución das canalizacións existentes de pluviais por unhas de maior capacidade, na vía autonómica e nunha estrada municipal que entronca nese treito da AC-960.
Nesta actuación, tamén se procedeu á renovación dos sistemas de recollida das augas pluviais.
Os traballos consistiron na instalación das novas canalizacións cunha tubaxe de 125 metros de lonxitude de PVC diámetro 315 mm na estrada AC-960, e de 140 metros de tubaxe de PVC de diámetro 400 mm no viario municipal, onde se conectaron á rede existente para o seu desaugue. Executáronse tamén os seus pozos correspondentes.
Para a recollida das augas superficiais colocouse unha tapa con reixa nos pozos da estrada autonómica, a executáronse 6 sumidoiros no vial municipal, e procedeuse á instalación de 6 metros de caz con reixa.
A intervención rematouse coa reposición ao seu estado previo os pavimentos da estrada.