O Concello de Boqueixón abre inscricións na excursión a Ribadavia e comarca do Ribeiro, que terá lugar o vindeiro sábado 11 de maio. Unha viaxe que abrirá o programa “Boqueixón en ruta 2024”, unha iniciativa dirixida a toda a veciñanza na que o Concello de Boqueixón proporá unha excursión mensual con destino a distintos puntos de Galicia. O obxectivo de agrupar nun programa todas estas propostas é que todos os veciños e veciñas poidan coñecer con tempo as distintas viaxes previstas e dese xeito poidan cadrar as súas axendas.
Nesta primeira edición do “Boqueixón en ruta 2024” os destinos escollidos son: Ribadavia e comarca do Ribeiro (11 de maio), Canóns do Sil, Ribeira Sacra e Castro Caldelas (1 de xuño), Rías Baixas (3 de xullo), Costa da Morte e Fisterra (21 de setembro) e Termas de Outariz (6 de novembro). A maiores haberá unha saída de sendeirismo o 15 de xuño, onde as persoas participantes percorrerán unha fermosa ruta entre Laxe e Malpica, seguindo a costa.
No caso da excursión a Ribadavia, o prezo será de 25 euros e inclúe visitas guiadas ao Casco Histórico, ao Castelo, ao Museo Etnográfico e ao Museo do Viño. Inscricións presencialmente no Concello ou no 981 513 115. As prazas e o número de asento no autobús adxudicaranse por rigorosa orde de anotación.