O Concello de Boqueixón condena e amosa o seu total rexeitamento aos actos de vandalización sufridos polos dous bancos violeta instalados en Lestedo o pasado mes de novembro de 2023, como peche da programación de actividades en conmemoración do 25 de Novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
As pintadas foron realizadas en ambos os dous casos sobre o símbolo do Centro de Información á Muller de Boqueixón e nun deles sobre o lema do CIM: “As mans para loitar, non para ferir. A fala para acariñar, non par anular”.
Dende o Concello de Boqueixón consideran que estes actos incívicos son unha mostra de falta de sensibilidade a unha loita necesaria na que todas as persoas debemos amosar unión. Sobre todo cando no que vai de ano, dez mulleres foron asasinadas en España en actos de violencia de xénero, sendo esta a expresión máxima do machismo.
Co instalación destes dous bancos violeta, o Concello de Boqueixón quería facer público o seu compromiso coas vítimas e as súas familias do rexeitamento da lacra social que supón a violencia de xénero. Supoñen unha visibilización dese rexeitamento á violencia contra a muller no mobiliario urbano e tamén representan un símbolo de unión de toda a veciñanza na loita contra o maltrato e a violencia machista.