O Concello de Boqueixón comunica que a Xunta de Galicia vén de presentar a campaña “Acción de Verán”, unha iniciativa que inclúe actividades de educación non formal de carácter lúdico, cultural, deportivo, formativo… para os mozos e mozas galegos de entre 9 e 30 anos e que tamén funciona como recurso de conciliación da vida familiar e laboral.
Baixo o lema “O teu mellor verán”, a campaña desenvolverase durante os meses de xullo, agosto e setembro, incluíndo as seguintes accións:
• Campamentos en Galicia. Convocarase no DOG do 16 de abril, polo que as solicitudes poderán presentarse do 17 ao 30 de abril a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Consulta o programa de Campamentos en Galicia.
• Campos de voluntariado en Galicia, noutras comunidades autónomas e no estranxeiro. Encamiñados a fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos. Para participar é preciso ter 18 anos antes do inicio do campo e non cumprir os 31 antes do seu remate. Apertura de prazos: 17 de abril (Galicia), 2 de maio (outras CCAA) e xa aberta (estranxeiro). O prazo de inscrición nos Campamentos de voluntariado en Galicia abrirase do 17, ás 9:00 horas, ao 30 de abril. Entre eles figura “Unindo roteiros”, programa promovido polos concellos de Boqueixón e Vedra para a recuperación medioambiental e etnográfica de sendeiros de ambos municipios, así como a dinamización cultural e natural da contorna da área recreativa de San Paio.
• Minicampamentos “Coñece Galicia”, de 5 días de duración. Iniciativa lúdico-formativa que se desenvolve en aloxamentos turísticos distribuídos por toda a xeografía galega en estancias de cinco días (de luns a venres) e que sirve tanto para apoiar a adquisición de competencias e habilidades por parte das persoas máis novas como para fomentar o coñecemento da riqueza natural e patrimonial de Galicia, o coidado do medio ambiente e o ocio educativo.
• Uso de instalacións xuvenís por parte de entidades e grupos de persoas mozas non asociadas. Mediante esta convocatoria preténdese articular a utilización das instalacións xuvenís das que é titular a Consellería de Política Social e Xuventude, co obxecto de facilitarlle á mocidade o acceso a instalacións xuvenís para o desenvolvemento de programas de lecer educativo e tempo libre, sen ánimo de lucro. Publicación no DOG prevista para o 16 de abril. Prazo de presentación de solicitudes: do 17 ao 25 de abril.
• Actividades de ocio alternativo para maiores de 18 anos. Novo programa que promoverá un ocio educativo, alternativo e saudable, dirixido a mozos de entre 18 e 30 anos. Terá lugar en cinco instalacións de toda Galicia, en quendas de xoves a domingo, concretamente nos albergues xuvenís de Allariz, Cabana de Bergantiños e A Devesa (Ribadeo), así como no complexo Cemar de Mondariz-Balneario e no albergue montañas de Trevinca (A Veiga).
En total, serán 11.533 prazas, o que supón a maior oferta da historia destas actividades de verán programadas polo Goberno galego. A maiores existen unhas prazas de balde reservadas para fillos e fillas de mulleres vítimas de violencia de xénero. Toda a información en: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran