O Concello de Boqueixón vén convocar as axudas destinadas ao fomento da natalidade no municipio durante 2024. Unhas axudas de ata 400 € por cada crianza nada, adoptada ou acollida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 e que teñen unha dobre finalidade:
- axudar parcialmente ás familias cos custos derivados do nacemento, acollida ou adopción de nenos empadroados en Boqueixón
- e fomentar o comercio local, xa que o gasto subvencionado deberá ser realizado en empresas radicadas no noso municipio.
O prazo de solicitude para crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1 de xaneiro e o 26 de marzo ábrese hoxe 27 de marzo e pecharase o vindeiro 10 de abril.
As axudas serán de 400€ por cada crianza nada, adoptada ou acollida entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024, que se ampliará a 500€ no caso de acreditar unha discapacidade do 33% ou superior. As subvencións outórganse independentemente da renda familiar e os beneficiarios deben utilizala para comprar produtos infantís, como alimentos e produtos de hixiene, en tendas en Boqueixón.
As solicitudes deben presentarse, preferentemente, por vía electrónica ou presencialmente no Rexistro Xeral do Concello. Hai dous prazos:
- para crianzas nadas, acollidas ou adoptadas entre o 1/1/2024 e o 26/3/2024 (data de publicación do extracto das bases no BOP): prazo de 15 días naturais a contar desde o 27/3/2024 (é dicir: límite 10 de abril).
- para o resto do ano: prazo de 15 días naturais, contados dende o día seguinte do nacemento, adopción ou acollemento.
Para máis información podes consultar as bases e descargar os impresos de solicitude.