O Concello de Boqueixón informa de que o novo matadoiro móbil impulsado pola Xunta de Galicia visitará o CFEA de Sergude o próximo mércores 20 de marzo, ás 9:30 horas. Ademais de sacrificar uns porcos celtas e algunha ovella, farase unha pequena demostración ao alumnado que estará tamén aberta á veciñanza de Boqueixón.
Deste modo, aqueles veciños e veciñas que estean interesados en coñecer este novo servizo, poden asistir libremente á exhibición que se fará no Pazo de Quián. Este matadoiro móbil permite o sacrificio de ovellas, cabras e porcos, cuns prezos que oscilan entre os 10€ para animais ovinos e cabrúns menores dun ano (só sacrificio e a preparación do canal) e os 50€ para os porcos (no caso de incluir tamén o almacenamento e transporte a punto de distribución).