O Concello de Boqueixón informa do cambio no percorrido da segunda edición da andaina “No camiño da igualdade”, programada para este domingo 10 de marzo. As choivas dos últimos días fan intransitable parte do percorrido previsto polas beiras do río Ulla, polo que a organización optou por manter a distancia (14 km) e o punto de partida (campo da festa de Ponte Ulla) pero cambiar o destino á localidade da Susana (Boqueixón).
Así, a andaina sairá ás 9:30 horas do campo da festa de Ponte Ulla, onde as persoas participantes poderán deixar os seus vehículos no aparcamento do supermercado próximo. A andaina percorrerá na súa maior parte polo trazado do Camiño de Santiago ata chegar á Susana, onde haberá autobús de regreso ao campo da festa de Ponte Ulla.
As persoas interesadas en participar teñen ata mañá xoves 7 de marzo para anotarse ben a través deste formulario ou chamando ao 981 513 106 (Boqueixón), 981 504 029 (Touro) ou 699 041 486 (Vedra). A participación inclúe bocadillo e camiseta conmemorativa.
A segunda edición da andaina “No camiño da igualdade” está organizada polos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra, en colaboración co Centro de Información á Muller e co financiamento do Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.