A Festa da Filloa de Lestedo, Festa de Interese Turístico de Galicia, celebrará este domingo 18 de febreiro a súa edición número 41, a segunda que coincide cunha xornada electoral autonómica, como xa acontecera no ano 2009. Unha xornada na que “contamos con repartir máis de 50.000 filloas”, apunta José Manuel Canabal, presidente da Asociación Cultural da Filloa, quen destaca que “de 11:00 a 15:00 horas haberá tamén posibilidade de degustar filloas sen glute”.
As dúas máquinas filloeiras da Asociación Cultural da Filloa acenderanse ás 7:00 horas e estarán operativas toda a xornada. Paralelamente, cociñeiras e cociñeiros de Lestedo elaborarán tamén filloas á pedra, recheas, salgadas… A novidade será a posibilidade de comprar filloas sen glute, de 11:00 a 15:00 horas no local social de Lestedo.
Ás 11:00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Hotel Restaurante Vía da Prata por parte do alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro Tato, e o presidente da Asociación Cultural da Filloa, José Manuel Canabal. Entre as autoridades confirmadas figuran Carmen Pita Urgoiti, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; María Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; Miguel Ángel Paredes Marín, coronel xefe do Aeródromo Militar de Santiago; José Antonio Rivero Zobra, capitán xefe da Terceira Compañía de Santiago; Gloria Bernárdez Beltrán, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia; alcaldes e concelleiros da comarca; o pregoeiro Javier Olleros; e Luís Rial, fillo do homenaxeado Luís Rial Suárez.
Desfile dos Xenerais
Ás 12:25 horas o VII Desfile de Xenerais da Ulla sairá do Hotel Restaurante Vía da Prata cara o campo da festa, acompañado da comitiva oficial e dun grupo de gaitas da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio. Un desfile especial no que tomarán parte máis de 40 Xenerais a cabalo e que chegará ao campo da festa de Lestedo antes das 13:00 horas, momento no que terá lugar o pregón, presentado pola actriz María Mera.
Tras as intervencións de Ovidio Rodeiro e José Manuel Canabal terá lugar o pregón de Javier Olleros, chef dúas Estrelas Michelín polo seu restaurante Culler de Pau. Un pregón que, por primeira vez, será impartido en lingua de signos, grazas á acolaboración da Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela (APSSC). Tras o pregón, o alcalde de Boqueixón imporalle un dos tres Mandís de Honra da Filloa. Os outros dous homenaxeados serán Adolfo Gacio Vázquez, ex alcalde de Boqueixón, e Gloria Bernárdez Beltrán, presidenta da Asociación de Celíacos de Galicia.
O voceiro da Asociación Cultural da Filloa, Xosé Manuel Lobato, dará lectura a unha lembranza a Luís Rial Suárez, presentador da Festa da Filloa nos seus inicios e pregoeiro da mesma no ano 1994, e entregará un recoñecemento a Luís Rial, fillo do xornalista falecido. Finalmente, José Manuel Canabal imporá a condecoración de “Xeneral da Filloa 2024” a José Manuel Iglesias Gómez.
Unha vez rematado o acto, ás 14:15 horas terán lugar os tradicionais atranques dos Correos e Xenerais, no propio campo da festa. Participarán dúas parellas de Correos e cinco parellas de xenerais, pechando a festa un atranque a cabalo comprometido o ano pasado entre a xeneral Uxía Canabal e a actriz María Mera. Rematados os atranques, terá lugar a actuación do Grupo Ibiza. Ás 18:00 horas, as orquestras París de Noia e Origen porán o broche de ouro á XL Festa da Filloa de Lestedo.
Cambio de artista no Filloa Folk
As actividades previas ao Día Grande da Festa da Filloa de Lestesdo continúan mañá sábado coa celebración do Filloa Folk, que verá mudado o seu cabeza de cartel. Susana Seivane non poderá actuar por problemas de saúde, polo que será substituída por Budiño. A segunda edición do Filloa Folk terá lugar no campo da festa de Lestedo a partir das 19:45 horas e contará coas actuacións de Roibén, o mencionado Budiño e A Requinta da Laxeira. A entrada é totalmente libre e de balde.