Nin a chuvia, presente de forma intermitente durante toda a xornada e que caeu con forza durante os Atranques dos Xenerais, nin as baixas temperaturas puideron coas gañas de festa dos veciños e veciñas de Sergude. De feito, a edición de 2024 contou con máis participación ca do ano pasado, que xa fora unha das máis concorridas.
Unha festa tradicional que deu comezo ás 11:00 horas cos Correos, Xenerais e Comparsas percorrendo a parroquia de Sergude cos seus cantos de taberna e acompañados polo grupo local “Son de gaita”. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, o campo da festa de Sergude foise enchendo de xente con moitas gañas de pasalo ben e desfrutar do concerto do grupo “Cantos da Terra” e da Parranda de Entroido, acompañados de “Son de gaita”.
A iso das 20:30 horas chegaron os Xenerais da Ulla. Unha chegada que coincidiu cun empeoramento do tempo e o inicio de fortes trombas de auga que obrigaron aos Xenerais a ocupar cos seus cabalos a parte da carpa que estaba reservada para os Atranques, que se puideron desenvolver sen problemas grazas ao bo facer dos integrantes da comisión de festas de Deseiro de Abaixo. Unhas actuacións moi aplaudidas polos presentes, que se volcaron especialmente con Zoe, unha meniña que debutaba nos Atranques en compaña do seu pai e en homenaxe ao seu avó José, tamén Xeneral da Ulla.
Antes de comezar os Atranques, a Comisión de Festas de Deseiro de Abaixo e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, fixeron unha homenaxe ao grupo “Son de gaita” polos seus doce anos seguidos colaborando desinteresadamente co Entroido de Sergude. O sorteo dunha carretilla do Entroido e a actuación do Dúo Dilema puxeron fin á festa.