O Concello de Boqueixón informa de que o DOG publica hoxe unha nova convocatoria do programa Galicia Emprega para incentivar a contratación de persoas desempregadas na empresa, centros especiais de emprego, entidades sen ánimo de lucro e empresas de inserción. Unha axudas ás que a Xunta de Galicia destina 17,5 millóns de euros e que poderán solicitarse do 26 de xaneiro ao 30 de setembro.
A actuación está dirixida á contratación indefinida de persoas con máis dificultades para atopar un posto de traballo como son:
- a mocidade (contará con 6.000 euros de apoio base)
- persoas paradas de longa duración (9.000 €)
- mulleres (10.000 €)
- emigrantes retornados ou estranxeiros (9.000 €)
- persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social (14.000 €).
- como novidade, redúcese de 55 a 52 anos o acceso ao incentivo deste colectivo (9.000 €).
Apoio ao rural
Estas contías base por cada contrato que se desenvolva poderán incrementarse nun 15%, sendo acumulables entre si, se o centro de traballo está situado nun concello rural ou se a contratación se realiza con mulleres nunha actividade económica con subrepresentación feminina, entre outros. Por cada contratación indefinida inicial que se realice, ademais, poderá solicitarse ata 4.000 euros para formación no centro de traballo.
Así mesmo, Galicia Emprega contempla incentivos para a transformación de contratos de tempo parcial a tempo completo, para a adaptación de postos de traballo para as persoas con discapacidade e para o incremento de duración dos contratos fixos descontinuos.
A contía máxima posible de axuda, de aplicarse todos os incrementos, será de 24.500 euros por persoas contratada, que poderá aumentar en 4.000 euros co bono formación. Con este programa de axudas, a Xunta agarda poder beneficiar a unhas 1.500 persoas traballadoras por conta allea. A finalidade da iniciativa é favorecer o emprego a través de incentivos á contratación de persoas desempregadas e a súa formación no posto de traballo.