O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia abre hoxe martes 16 de xaneiro o prazo de solicitude das axudas á promoción do emprego autónomo publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 9 de xaneiro. Dotadas con 28,9 millóns de euros, inclúese unha partida de 9,6 millóns de euros para financiar ao 100% a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.
Poden ser beneficiarias das achegas as persoas que cursen alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 30 de setembro de 2023 e o 29 de setembro de 2024.
As axudas estrutúranse en dúas liñas:
- para impulsar o inicio da actividade e o mantemento de emprego dos autónomos
- para garantir a cota cero durante doce meses de actividade.
Para optaren á primeira das liñas, as persoas beneficiarias deben estar inscritas como demandantes de emprego nos servizos públicos, carecendo de ocupación efectiva na data de inicio da actividade. Deberán contar con domicilio fiscal en Galicia e non ter altas rexistradas como autónomos nos tres anos anteriores.
As contías deste apartado van dos 2.000 euros básicos ata os 4.000 no caso de que se trate de menores de 30 anos, parados de longa duración, con discapacidade ou en situación de dependencia, en exclusión social, emigrantes retornados e estranxeiros ou maiores de 52 anos. Haberá un incremento extra do 15% se a autónoma é muller ou o centro de traballo está no rural, entre outros supostos.
Para acceder á liña que garante a financiación íntegra da cota durante os doce primeiros meses, os autónomos deberán ser beneficiarios da cota reducida no momento de presentación da solicitude. A contía neste caso ascende a 960 euros, o equivalente ao pagamento do importe mensual reducido multiplicado polos 12 primeiros meses de alta.
As achegas máximas previstas, ao se tratar de dúas liñas compatibles, rozarán os 8.000 euros para persoas desempregadas que inicien a súa actividade profesional en Galicia como traballadoras autónomas. O prazo de solicitude estará vixente ata o 30 de setembro de 2024.