O Concello de Boqueixón informa de que dende hoxe luns 15 de xaneiro os veciños e veciñas que o desexen xa poden solicitar as axudas da Xunta de Galicia para apoiar a particulares na execución de actuacións destinadas a corrixir os impactos paisaxísticos que o paso do tempo ou unha mala conservación van producindo no aspecto exterior de vivendas e construcións privadas. As bases do programa poden consultarse no DOG do 15 de xaneiro e o prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes, contado a partir de mañá martes.
O importe da subvención será do 70% do orzamento, ata un límite máximo de 3.000 euros. Poderán ser beneficiadas desta subvencións os veciños/as titulares dun inmoble que desexen acometer:
- Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.
- Remate, renovación e/ou substitución do acabado exterior de cubertas.
- Ou recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos.
A concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva. Isto significa que é fundamental entregar canto antes a solicitude xa que levarán as axudas as primeiras persoas que así o pidan e cumpran os requisitos. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/) e poderá empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos, como o sistema de usuario e Chave365 (https://www.xunta.gal/chave365/que-e).
Máis información e resolución de dúbidas no Concello de Boqueixón (981 51 31 06).
Adxuntos
- convocatoria particulares (791 kB)