O conselleiro do Medio Rural, José González, e o alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, realizaron esta mañá unha visita técnica ás obras do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude, que vén de rematar a primeira fase das súas actuacións de acondicionamento. Unha visita na que estiveron acompañados polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos; do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal; e do concelleiro de Servizos e Obras Públicas de Boqueixón, Manuel Fernández Munín.
Esta primeira fase das obras incluíu a reforma da actual residencia de estudantes e a construción dun novo edificio. Isto permite a potenciación e mellora das instalacións, ademais de incrementar o número de prazas da residencia, pasando de 52 a 82, para poder responder á demanda existente en consonancia coa oferta do centro.
Tanto o novo edificio como as instalacións remodeladas responden a criterios de sustentabilidade e eficiencia enerxética. Ambas edificacións contan cunha fachada ventilada en madeira galega, no marco da aposta do Goberno galego pola utilización deste material na construción.
Nesta visita técnica tamén participou o propio director do centro, Juan Carlos Ferreras, ademais de Magdalena Portela, Jorge Salgado e Celso López, arquitectos responsables -xunto a César Portela- desta fase do proxecto.