O Concello de Boqueixón informa de que a partir do vindeiro 8 de xaneiro, as familias do municipio poderán descargar o Bono Deporte de 120 euros promovido pola Xunta de Galicia. Poderán acceder a estas axudas todas as familias con fillos ou fillas de entre 6 e 16 anos, que estean federados ou que estean inscritos no programa escolar de fomento das actividades deportivas Xogade. Consulta as bases.
O Bono Deporte vai axudar ás familias a sufragar o 80% das compras en material de equipamento ou do custe da asistencia a clases de actividades deportivas, ata acadar os devanditos 120 euros. O obxectivo da Xunta é chegar a uns 135.000 rapaces e rapazas, para o cal vai investir máis de 16 millóns de euros.
Cada familia poderá descargar un Bono Deporte por cada un dos seus fillos ou fillas. O prazo para solicitalo estará aberto do 8 de xaneiro ao 29 de febreiro a través da web: www.bonodeporte.gal. As familias poderán facer uso deste bono ata o 1 de xullo.
Coa implantación do Bono Deporte, a Xunta busca fomentar a práctica de actividade física e o deporte base entre as xeracións máis novas, ao mesmo tempo que se impulsa o comercio galego e se apoia ás familias nestes momentos marcados pola inflación nos gastos que lles supoñen as actividades deportivas nas que participan os seus fillos e fillas.