O Concello de Boqueixón comezará en breve a repartir os colectores marróns, dirixidos á recollida de materia orgánica. Esta actuación está subvencionada ao abeiro da axuda para o financiamento de proxectos en materia de biorresiduos de competencia municipal, cofinanciadas polo fondo europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU. Neste novo contedor poderás depositar todos estes residuos:
- Restos de froitas, verduras, legumes e hortalizas (crus ou cociñados)
- Restos de orixe animal, é dicir, carnes ou peixes. Isto inclúe ósos, espiñas, restos de marisco (cunchas), etc
- Sobras de pasta e arroces
- Restos de froitos secos, sementes e cereais
- Sobras de pan, bolería e bolachas
- Cortizas de queixo e cascas de ovos
- Restos de plantas, flores, follas secas, herba e pequenos restos de poda e hortas (ollo, soamente pequenos restos, as ramas das podas non poderán ir neste colector)…
- Pousos do café, bolsiñas de infusións, papel de cociña usado, panos de mesa de papel (sempre que non teñan restos de aceite). E outros elementos como escarvadentes ou tapóns de cortiza.
Pola contra, non deberás depositar no contedor marrón, lixo como:
- Aceites de cociña ou calquera outro líquido.
- Cueiros, compresas, tampóns, papel hixiénico nin toalliñas húmidas.
- Nin o po nin os restos de pasar o aspirador.
- Chicles, cabichas, cinzas ou area do areeiro da mascota.