O salón de Plenos do Concello de Boqueixón acolleu a oitava edición do Pleno Infantil, unha actividade organizada polo Departamento de Servizos Sociais para conmemorar o Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Foi a primeira sesión gravada e podes acceder ao vídeo premendo aquí.
Un total de 40 nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto acudiron á casa consistorial para trasladarlle ao alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, e á concelleira de Servizos Sociais, Ángela Conde Leis, as súas reflexións sobre os seus dereitos.
Ovidio Rodeiro foi o encargado de dar a benvida á rapazada e ás súas mestras, explicando que “nesta mesa é espazo onde se debaten e toman as decisións máis importantes para a vida en Boqueixón. Aquí fálase de educación, de servizos sociais, de infraestruturas… apróbanse proxectos e programas. E hoxe imos escoitar as vosas propostas”. Así mesmo, destacou que esta actividade permite “facer un chamamento no noso concello sobre as necesidades que teñen os máis pequenos, así como facer un recoñecemento ao labor de todas as persoas que traballan todos os días con nenos, empezando coa familia que vos coida e seguindo polos profesores e profesoras”.
Así, o alcalde foi dándolle a palabra a cada un dos 16 “concelleiros/as” por un día sentados hoxe na mesa de plenos. Óscar Pérez actuou como representante de todos eles e salientou que “os dereitos da infancia son un escudo que nos protexe de todo mal: ter un nome, ter unha familia que nos queira e nos coide.. Por iso fixemos unha selección dos dereitos que nos parecen máis importantes”. Acto seguido, a rapazada foi dando lectura aos distintos dereitos da infancia e por que eran importantes: dereito á vida, á saúde, á protección, á educación, á identidade, a unha información de calidade, ao xogo, a expresar a súa opinión e ser escoitado, á intimidade…
Tras a presentación que tiñan preparada, o alcalde abriu unha quenda de “rogos e preguntas”, para que a rapazada comentara as necesidades que vían no municipio. Se ben empezaron pouco a pouco, co paso dos minutos practicamente todos os presentes, tanto “concelleiros” como público asistente, tiñan presentado un ou máis rogos á Alcaldía sobre cuestións a mellorar no municipio. Parques infantís e instalacións deportivas foron as cuestión máis recorrentes entre a rapazada, entre as que destacou tamén algunha proposta moi adulta: como empregar unha antiga unitaria para facer vivendas sociais.
Decoración de Nadal
Ovidio Rodeiro explicoulles que nestes momentos estanse a realizar traballos de mellora no alumeado de todas as instalacións deportivas municipais e que se van investir máis de 30.000 euros na reparación e ampliación de todos os parques infantís do municipio. Dúas propostas que foron moi ben recibidas polos nenos e nenas.
Outras peticións xiraron en torno ao alumeado de Nadal, onde a rapazada acordou co alcalde que o Concello decorará unha árbore que eles elixan (inicialmente na contorna do CPI Antonio Orza Couto). A sesión rematou coa entrega dunha axenda e un termo de agasallo, cumprindo así o Concello cunha das peticións realizadas nunha edición anterior do Pleno Infantil, na que un dos “concelleiros” propuxera o reparto deste tipo de envases para evitar o consumo de vasos de plástico no colexio.
Esta oitava edición do Pleno Infantil foi organizada polo Departamento de Servizos Sociais de Boqueixón, dentro das actividades dirixidas á infancia e á adolescencia propostas por Unicef Galicia, e contou coa colaboración do CPI Antonio Orza Couto.