A xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, acompañada do concelleiro de Mantemento e Limpeza, José Manuel Iglesias, entregou esta mañá a nova sinalización que acredita o selo de garantía Galicia Calidade aos responsables de Viveiros Compostela, pola calidade das flores e plantas que producen nas súas instalacións de Boqueixón.
Nesta xuntanza, a responsable de Galicia Calidade destacou o traballo diario que realizan en Viveiros Compostela, unha empresa familiar fundada no ano 1985 e que conta cunhas instalacións de máis de 30.000 m2. A súa principal actividade é a produción e distribución propia das súas flores e plantas a outros centros de xardinería, tendas agrícolas, florerías… Dentro da gran variedade de plantas e flores que distribúen en Viveiros Compostela destacan as poinsettias, as popularmente coñecidas como a Flor de Nadal.
Ana Méndez sinalou que a filosofía de traballo que desenvolve a compañía vai en liña cos valores da sustentabilidade e o compromiso respectuoso co entorno que segue Galicia Calidade e que se reflicte na nova sinalización coa que se identifica ás empresas adheridas.
Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.