Máis de medio cento de persoas participaron na V Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, organizada polo CIM do Concello de Boqueixón en colaboración co Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Un evento que tivo lugar na tarde/noite do sábado no auditorio da Casa da Cultura de Camporrapado, presidido polo alcalde boqueixanés Ovidio Rodeiro.
A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde Leis, deu a benvida ao público asistente, ao que lles recordou a importancia da educación e de dar visibilidade a estas cuestións. “Dende o Concello faremos todo o posible para que se perda o medo a falar e denunciar estas actitudes”, apuntou Ángela Conde, ao tempo que asegurou que “ninguén debería botar a vista a un lado. Entre todos podemos facer que esta violencia remate”.
Foi entón cando tivo lugar a intervención máis forte da noite: o testemuño de Eva María Vigo Martínez, compostelá de 49 anos que agora é veciña de Brión, como sobrevivinte de violencia de xénero, maltrato infantil, violación, rexeitamento social e acoso escolar. “Non me considero vítima, senón sobrevivinte”, asegurou Eva María en resposta ás cuestións planteadas polo público asistente, “e estou disposta a axudar aos demais co meu testemuño e porque tamén é necesario sanarse a unha mesma”.
Eva María Vigo Martínez é unha das autoras que participa no libro “La voz del coraje”, editado por Inserta Empleo e presentado a semana pasada en Santiago. Porén, Eva fixo en Boqueixón un relato moito máis detallado dunha vida chea de violencia desde o 3 anos. A súa enteireza á hora de narrar como o seu pai matou á súa nai, como a súa familia materna a explotou laboralmente pese a ser unha nena e mesmo culpabilizou dese asasinato, ou como foi violada e embarazada contra a súa vontade, o que a obrigou a casar co seu agresor e vivir outros 16 anos de maltratos psicolóxicos e físicos… chegoulles moi fondo a todas as persoas presentes no auditorio, entre as que se atopaba a súa propia filla.
A directora do Centro de Información á Muller de Boqueixón, Cristina Carbajales, apuntou que “tras escoitar a Eva so teño que dicir: grazas. Grazas a ti e a tantas mulleres, entre elas as que estiveron aquí en anteriores xornadas, que nos fan partícipes das súas historias de vida, dos seus problemas, das súas dificultades, dos seus sufrimentos e sobre todo da súa forza e capacidade de superación. Sodes grandes mestras de vida e con vos facemos camiño”.
Un punto no que tamén incidiu Iolanda Neira, psicóloga do CIM, para quen “estes espazos son necesarios para sensibilizar ás persoas, porque precisamos que deixe de haber esa baixa sensibilidade cara a violencia de xénero que temos hoxe en día”.
Chicas nuevas 24 horas
Acto seguido, Cristina Carbajales introduciu o documental “Chicas Nuevas 24 h”, dirixido por Mabel Lozano, sobre a compra-venda de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. “Como moi ben dixo Mabel, nunha dás súas numerosas intervencións en debates, hai quen pensa que as mulleres que exercen a prostitución é porque queren, porque lles gusta o sexo ou porque gañan diñeiro. Non nos equivoquemos, nin lles gusta o sexo nin van montadas en Ferraris. Son mulleres vulnerables captadas, obrigadas e explotadas nos clubs de alterne ou en rotondas , en estradas, en pisos”, apuntou a directora do CIM, quen advertiu que “mentres siga existindo a demanda de mulleres e nenas por parte de homes machistas e violentos, que cren que pagar dálles dereito a todo tipo de violacións e humillacións, seguirá existindo a trata de mulleres e nenas. E non podemos consentir que pasen desapercibidas.
Finalmente, o encargado de clausurar a xornada foi o alcalde de Boqueixón. Ovidio Rodeiro puxo en valor o traballo que se leva a cabo no CIM de Boqueixón, que leva prestando servizos de atención xurídica e psicolóxica ás mulleres do municipio dende o ano 2006. “Sen ir máis lonxe, no ano 2022 as atencións prestadas polo CIM ascenden a 306 consultas. Consultas que teñen carácter gratuíto e confidencial”, recordou.
Así mesmo, Ovidio Rodeiro agradeceulles a organización destas xornadas de sensibilización pois “nos axudan a visibilizar o traballo do CIM en prevención da violencia de xénero e a rexeitar calquera tipo de agresión conta as mulleres, polo que seguiremos potenciando e apoiando estas iniciativas para dar voz e escoitar a persoas como Eva María, cuxo duro testemuño nos ten que axudar a avanzar polo camiño da non violencia e a igualdade, con tolerancia cero fronte ás agresións”.
A V Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller rematou como empezou, coa música do grupo de acordeóns da AC Mestre Manuel Gacio, que recibiron un agasallo pola súa participación na xornada ao igual que Eva María Vigo. Na entrada da Casa da Cultura estivo dispoñible a exposición “Imaxes que falan”, mostra creada pola Asemblea do Estudantado de Educación Social en base a fotografías de Agostiño Iglesias; así como un photocall pola igualdade.