O Concello de Boqueixón convoca a novena edición do Concurso de Fotografía “Paisaxes de Boqueixón”, que ten como obxectivo fomentar a creatividade e a promoción e posta en valor da riqueza histórica, cultural, etnográfica e paisaxística do municipio.
O certame está aberto ao público en xeral (no caso de menores de 18 anos, a solicitude deberá incluír unha autorización do pai/nai ou titor/a) e cada participante poderá presentar ata un máximo de 3 fotografías. As imaxes deberán ser tomadas no municipio de Boqueixón e a súa temática versará sobre aspectos que recollan a riqueza natural, histórica, cultural e etnográfica do concello.
As fotografías deberán presentarse en formato horizontal, cun tamaño mínimo de 2000 x 1500 px (cunha resolución de 150 pp). Ademais, non se admitirán montaxes nin manipulacións das fotografías (salvo que sexan exclusivamente tratamentos de cor ou axustes relativos á calidade ou procesado da imaxe). Como en anos anteriores, non se admitirán fotografías nas que aparezan persoas e as imaxes propostas deberán ser orixinais e inéditas. O prazo de envío das propostas rematará o próximo 15 de novembro.
Premios
O xurado do VIII Concurso de Fotografía Paisaxes de Boqueixón valorará de forma anónima as fotografías en base a criterios de calidade e complexidade técnica, composición, impacto visual, mensaxe transmitida, creatividade e orixinalidade. A súa decisión será dada a coñecer na primeira quincena do mes de decembro e incluirá tanto a escolla de doce imaxes para o calendario do Concello de Boqueixón para o 2024 como as tres persoas premiadas.
Os premios entregaranse en forma de vales de compra que se poderán canxear en calquera establecemento do municipio. O primeiro premio estará dotado cun vale de 200 €; o segundo, cun vale de 100 €, e o terceiro, cun vale de 50 euros. As persoas que participen deberán cumprir as seguintes bases e enviar as súas propostas a través do formulario dispoñible na páxina web (www.boqueixon.gal).