O Concello de Boqueixón informa de que o DOG de hoxe luns 18 de setembro publica a Orde do 14 de setembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de estadías en prazas de establecementos balnearios da Comunidade Autónoma de Galicia dentro do programa Benestar en balnearios e axudas para o ano 2023, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS607A).
Para beneficiarse deste programa haberá que reunir os seguintes requisitos:
- Ser maior de 60 anos ou maior de 55 e reunir a condición de pensionista do sistema da Seguridade Social, polos conceptos de xubilación, invalidez, viuvez ou outras pensións.
- Estar empadroada e residir nalgún concello da Comunidade Autónoma de Galicia.
- Valerse por si mesma para as actividades da vida diaria e estar en condicións de participar no programa.
- Non padecer alteracións do comportamento que podan afectar á normal convivencia nos establecementos, nin padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
- Carecer de contraindicación médica para a recepción dos tratamentos termais.
- Acadar, de conformidade co baremo establecido, a puntuación que lle permita acceder a un dos balnearios e quendas solicitadas.
- Deben cumprir cos requisitos e obrigas sinalados no artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
- A persoa solicitante poderá ir acompañada de:
- Polo seu ou a súa cónxuxe ou, se fose o caso, a parella de feito ou persoa coa que teña unha unión estable e de convivencia con análoga relación á conxugal, sempre que cumpra os requisitos citados no número 1, excepto o sinalado na letra a).
- Por un fillo ou filla que teña un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, sempre e cando este poida acudir sen necesidade de apoio de terceira persoa, se poida desprazar con autonomía, comparta o cuarto coas persoas proxenitoras solicitantes e cumpra os requisitos citados no número 1, agás o da letra a).
- Por unha persoa coa que desexe participar no programa, sempre e cando esta cumpra todos os requisitos citados no número 1.
- As persoas solicitantes terán que cumprir os requisitos establecidos na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.
Estadías nas prazas de establecementos balnearios e quendas convocadas
- Convócanse estadías para 204 prazas para participar no programa Benestar en balnearios 2023 da Xunta de Galicia, que se levarán a cabo nas quendas e establecementos balnearios que se relacionan no anexo IV.
- As quendas teñen unha duración de 10 días, con nove noites cada unha e comprenderán desde as doce horas da mañá do día de chegada ata as doce horas da mañá do día de saída.
- O desenvolvemento destas quendas terá lugar durante o período comprendido entre o 22 de outubro e o 31 de decembro do ano 2023.
Prazo presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para o que é preciso o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Máis información sobre este programa
As persoas usuarias poden obter mais información sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional no enderezo https://sede.xunta.gal, na Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria-Servizo de Xestión e Coordinación Administrativa, e a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos ou do teléfono 012.
Teléfono Servizos Sociais do Concello de Boqueixón: 981 513106