Ata o 31 de agosto estará aberto o prazo para a solicitude das axudas a entidades sen ánimo de lucro que o Concello de Boqueixón convoca para este ano 2023. Como en anos anteriores a tramitación será telemática a través da sede electrónica do concello.
As subvencións, convocadas en réxime de concorrencia competitiva, teñen por obxecto o financiamento de programas ou proxectos de actividades e investimentos levados a cabo polas entidades sen ánimo de lucro do concello de Boqueixón, coa finalidade de promover e dinamizar a participación activa da veciñanza e do tecido asociativo.
Este ano incorporánse varias novidades destacables con respecto a anteriores convocatorias, como:
- A porcentaxe de financiamento poderá acadar ata o 100% do custo total. Para percibir o importe íntegro da subvención outorgada a entidade beneficiaria deberá xustificar como mínimo, un gasto polo importe da subvención concedida.
- Non é preciso a presentación do xustificante de pagamento das facturas no momento da xustificación. Este documento deberá presentarse no prazo máximo dun mes dende o pago da axuda concedida por parte da Tesourería do concello.
- Tamén poderán ser obxecto de subvención os gastos correntes (facturas de luz, teléfono, auga, internet, material de oficina, xestoría, seguros, combustibles e calquera outro similar).
As entidades e asociacións de Boqueixón que desexen acceder a estas axudas deberán presentar as súas solicitudes a través da Sede Electrónica do Concello de Boqueixón antes do 31 de agosto. O Concello de Boqueixón valorará especialmente o número de veciños e veciñas beneficiados polo proxecto, así como o interese xeral da proposto ou a traxectoria da asociación, entre outros criterios.
Adxuntos
- Convocatoria BOP (125 kB)
- 2023_A002_000002_Bases reguladoras.pdf_109905 (185 kB)