O autobús do programa Coidados Porta a Porta volverá a Boqueixón do 28 ao 30 de agosto, datas nas que estará emprazado a carón do campo de fútbol do Forte. Trátase dunha iniciativa da Xunta de Galicia para ofrecer servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria ás persoas maiores de 55 anos de Boqueixón. Para poder participar só é preciso ter máis de 55 anos e solicitar cita previa ben no teléfono 622 748 283 ben no correo electrónico coidadosportaporta.politicasocial@xunta.gal.
Este programa permitirá que as persoas maiores de Boqueixón poidan realizar unha revisión e valoración da súa audición; acceder a un servizo de atención podolóxica para prevención, diagnose e tratamento das principais patoloxías dos pés; ou realizar de probas de valoración cognitiva e exercicios de estimulación para a prevención de enfermidades neurodexenerativas coma o Alzhéimer.
Esta iniciativa posta en marcha pola Consellería de Política Social para levar servizos asistenciais ás persoas do rural para a prevención da dependencia, conta co financiamento da Unión Europea a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia.