Boqueixón acollerá este sábado 22 de xullo a segunda andaina do programa “Goza do Ulla”, unha iniciativa na que vinte municipios propoñen rutas de sendeirismo seguindo o río Ulla. No caso boqueixonés, a proposta será cubrir o Roteiro dos Pescadores, un percorrido de 9,6 km, de dificultade medio-baixa e que se pode cubrir en dúas horas e media. Recoméndase levar auga e algo para comer (froita, chocolates ou froitos secos).
O punto de encontro será a capela de San Paio (Codeso), final da andaina e onde as persoas que participen deixarán os seus vehículos para trasladárense en autobús ata o punto de partida: o campo do río de Ponteledesma, ás 10:00 horas. Unha localidade na que os visitantes poderán desfrutar de propostas como a igrexa parroquial Divino Salvador de Ledesma e, por suposto, a Ponte Vella e as Ínsuas de Gres sobre o Ulla.
A expedición percorrerá o Roteiro dos Pescadores, un espazo natural protexido incluido na Rede Natura 2000. Unha senda propia de pescadores que chega ata a parroquia de Donas, onde os camiñantes desfrutarán de fermosas vistas. Despois, a expedición continuará ata a capela de San Paio (Codeso), onde desfrutar dunha fervenza de sete metros de altura.
As persoas interesadas en participar deberán anotarse en boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061 (Mª Cruz Ferreiro). O prazo de anotación remata o vindeiro martes 18 de xullo.