A carballeira de Rodiño acollerá o vindeiro domingo 16 de xullo, a partir das 18:00 horas, o espectáculo “Os Bolechas deportistas xogan no tempo”. Unha iniciativa do programa Falaredes para alegrarlles o verán aos nenos e nenas de 15 concellos galegos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, como é o caso do Concello de Boqueixón.
“Os Bolechas deportistas xogan no tempo” é un espectáculo ao aire libre que combina o teatro de monicreques con explicacións, preguntas e probas pensadas para que participen nenos e nenas de 4 a 9 anos, xunto ás súas familias. Nesta nova proposta combínanse, da man dos coñecidos personaxes de Pepe Carreiro, a lingua e o deporte, o xogo coa aprendizaxe. Con esta actividade, Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia, Tatá e Chispa darán a coñecer diferentes disciplinas deportivas e animarán á rapazada de Boqueixón ao uso do galego durante a súa práctica.