Un total de 30 nenos e nenas participan nos cursos de natación organizados polo Concello de Boqueixón, nos niveis de iniciación e perfeccionamento, e que deron comezo hoxe 3 de xullo. Unha iniciativa na que se distribúen en varios grupos e que terá lugar nos meses de xullo e agosto.
Esta primeira xornada contou coa presenza do concelleiro de Deportes, Diego Esturao Rosende, quen estivo acompañado polos concelleiros Ángela Conde Leis e Jose Luis Mareque Simón. Ademais de inaugurar os curso, aproveitaron para falar co xerente da empresa SAVA, concesionaria da xestión da piscina, sobre diferentes cuestións para asegurar un correcto funcionamento da instalación.
Dende o Departamento de Deportes sinalan que, a través de xogos e actividades de lecer, os nenos e nenas de menor idade avanzan no proceso de familiarización e perda de medo á auga. Así, a través de exercicios de flotación, conseguen as habilidades motrices básicas no medio acuático.
Por outra banda, no caso do alumnado de perfeccionamento, aprenden as técnicas dos distintos estilos de natación para mellorar as súas habilidades na auga. Así mesmo o concelleiro de Deportes puxo en valor a importancia destes cursos para os máis cativos á hora de mellorar a seguridade dos máis cativos e evitar afogamentos.