A piscina municipal de Boqueixón, que abrirá as súas portas este venres 23 de xuño, acollerá este domingo 25 de xuño, ás 19:00 horas, a actuación do mago Dani García. Porá en escena “Gadalka, maxia detrás do cristal”, un espectáculo de maxia de proximidade deseñado especialmente para o desfrute das familias e incluído dentro do programa Cultura no Camiño 2023.
A acción céntrase nunha pequena caseta de feira, á que pequenos grupos familiares poden achegarse para vivir unha experiencia máxica a poucos centímetros. Esta caseta, de menos dun metro cadrado, agocha tras o seu cristal ao mentalista Gadalka, unha personaxe peculiar. Unha innovadora proposta que permite o achegamento case total do público ao mago.
A participación é totalmente de balde. Organiza: Concello de Boqueixón. Colaboran: Cultura Activa e Xunta de Galicia.