O Concello de Boqueixón fará entrega do lume sagrado a todas as persoas e entidades que o soliciten para prender as cacharelas da noite de San Xoán. Unha entrega que terá lugar este venres 23 de xuño, a partir das 15:00 horas, no cumio do Pico Sacro.
Despois de que o mal tempo impedira a celebración da Cerimonia do Lume Sagrado o pasado domingo, as boas previsións meteorolóxicas para esta semana fan que o Concello de Boqueixón convoque o acto para a obtención e entrega do lume sagrado. Deste xeito, o druida e a Raíña Alda porán en escena a tradición ancestral coa que se daba a benvida ao Solsticio de Verán e á que se poderán sumar todas as persoas que o desexen e se inscriban previamente no Departamento de Turismo (boqueixonturismo@gmail.com ou no 981 513 061).
A diferenza da tradicional Cerimonia do Lume Sagrado, na que tiña lugar o encontro e desfile das tribos celtas, este venres a representación contará con menos integrantes do séquito da Raíña Alda, ao celebrarse nun día laborable. O que si se fará é empregar a forza do Sol para acender o lume co que se iluminará esa noite de San Xoán en Boqueixón.