Ovidio Rodeiro Tato tomou posesión como alcalde de Boqueixón no pleno constitutivo celebrado esta mañá no Forte. Un bastón de mando que lle foi entregado polo seu predecesor e compañeiro de candidatura, Manuel Fernández Munín. Tras agradecer o apoio maioritario da veciñanza o pasado 28 de maio, Rodeiro Tato asegurou que “é unha honra poñerme ao servizo dos veciños do concello onde nacín e no que sempre vivín” e destacou que “a miña principal aposta política neste novo período será a de ser útil ao concello e aos seus cidadáns. Os veciños sempre estarán antes que nada e as súas necesidades e inquedanzas serán a prioridade de todas as accións deste Goberno”.
Neste sentido, destacou que “durante os últimos anos esforzámonos dende o Concello e dende a Xunta para impulsar proxectos tan importantes como a estación depuradora, con case 2 millóns de euros de investimento, as concentracións parcelarias de catro parroquias, a creación de máis de 20 quilómetros de sendas peonís ou a substitución de todas as farolas a tecnoloxía LED”. E puxo xa obxectivos para o futuro: “impulsaremos da man da Xunta de Galicia o proxecto máis ambicioso dos últimos tempos para o noso concello: a transformación do Pazo de Quián no escaparate das enormes posibilidades que ten o noso sector primario. Deste xeito, Boqueixón converterase na capital dos concellos rurais de Galicia”.
Expansión empresarial e políticas sociais
Así mesmo, diante da actual situación económica, Ovidio Rodeiro anunciou que traballará en dúas direccións: “por unha banda, fomentaremos a expansión empresarial do noso municipio apoiando a creación de novas empresas e axudando aos nosos gandeiros, comerciantes, hostaleiros e pequenos e medianos empresarios”. Nese sentido, apunta que “imos precisar desenvolver 60.000 metros cadrados de solo industrial na Susana e 40.000 máis en Camporrapado para que se poidan asentar novas empresas e consolidar as xa existentes”.
Por outra parte, o alcalde de Boqueixón anunciou a posta en marcha dun “ambicioso programa de políticas sociais que dean protección a aquelas persoas que conten con menos recursos ou precisen máis nivel de asistencia, cunha especial dedicación aos nosos maiores e tamén ás familias”.
Para conseguilo, Rodeiro Tato tendeu a man aos tres concelleiros de Veciños de Boqueixón: “non creo nos recursos baleiros nin nos enfrontamentos sectarios. Non me gustan as discusións estériles nin a crítica por sistema. A miña intención é contar coa opinión e a colaboración de todos os membros desta corporación, sexan goberno ou sexan oposición”. Finalmente, agradeceu o labor realizado polos anteriores alcaldes: “Luís, Secundino, Adolfo, Suso e Manolo por traballar para facer un Boqueixón mellor”.
Precisamente o alcalde saínte e que continúa como concelleiro, Manuel Fernández Munín, emocionouse ao agradecer o apoio recibido neste tempo á fronte do Concello e asegurou que “nestes sete anos fixen todo o posible para axudar a todos. Sei que houbo veces que, por temas burocráticos ou de orzamento, non se puido contentar a todos, pero tende claro que intentei facelo sempre o mellor posible”.
Nova corporación
A nova corporación municipal de Boqueixón para a lexislatura 2023-2027 queda do seguinte xeito:
- Ovidio Rodeiro Tato (alcalde, PP)
- Gonzalo Redondo Rendo (PP)
- Manuel Fernández Munín (PP)
- Ángela Conde Leis (PP)
- Sonia Suárez Casal (PP)
- José Manuel Iglesias Gómez (PP)
- Diego Esturao Rosende (PP)
- José Luis Mareque Simón (PP)
- Iván Eirís Castro (VdB)
- Ángela Santasmarinas Lorenzo (VdB)
- Marta da Silva Torres (VdB)