O Pico Sacro na literatura. Esta é a temática sobre a que xirará a quinta edición do ciclo “Un mes e Pico”, unha iniciativa que encherá Boqueixón de conferencias, contacontos, presentacións de libros e a recuperación da tradicional cerimonia do lume sagrado. Un programa que foi presentado esta mañá polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, e a concelleira de Servizos Sociais e Igualade, Ana María Seijo, que estiveron acompañados por tres dos autores que participarán no programa: Raquel Sánchez Mella, Javier Buide Del Real e Pablo Iglesias Rendo.
Se as primeiras edicións se centraron na sacralidade, na relación do Pico Sacro coa cultura xacobea, na arqueoloxía e na espeleoloxía do monte sacro, nesta ocasión “imos centrarnos na presenza do Pico Sacro na literatura, algo que sabemos ben en Boqueixón onde xa temos editado varios folletos e mesmo libros sobre esta cuestión, que están accesibles ao público a través da nosa páxina web”, adiantou o alcalde de Boqueixón.
Inicio do ciclo
De feito, o alcalde salientou que o primeiro acto do programa será “a presentación do conto infantil Lupiña e o seu bosque máxico, de Raquel Sánchez Mella, veciña de Boqueixón, que está editado polo Concello de Boqueixón en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e que agasallaremos a todas as persoas que asistan ao acto”. Unha presentación que terá lugar o vindeiro venres 26 de maio, ás 19:00 horas, no Centro de Interpretación do Pico Sacro en Cachosenande (Lestedo-Boqueixón).
O libro será presentado pola súa autora, Raquel Sánchez Mella, e polo ilustrador Gabriel Iglesias Sanmartín, que serán introducidos polo alcalde Manuel Fernández Munín. A presentación complementarase cun contacontos infantil, para o que haberá que anotarse previamente no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com).
Programación de xuño
O resto da programación terá lugar no mes de xuño e todas as actividades serán de balde, se ben o número de prazas é limitado polo que será imprescindible inscribirse no Departamento de Turismo do Concello de Boqueixón (981 513 061 ou boqueixonturismo@gmail.com). Así, a Capela de San Sebastián no Pico Sacro acollerá dúas conferencias.
A primeira delas terá lugar o domingo 4 de xuño, ás 19:00 horas: “O Pico Sacro nos primeiros escritos xacobeos”, da man de Javier Buide del Real, sacerdote das parroquias de Boqueixón, Codeso e Oural (Boqueixón) e director do Arquivo da Catedral de Santiago, onde é coengo arquiveiro. A segunda conferencia, “O Pico Sacro, magnetismo literario”, será impartida o sábado 17 de xuño, ás 19:00 horas, por Xosé Manuel Lobato, doutor en Filosofía e Ciencias da Educación, articulista e escritor.
Unha semana antes, o sábado 10 de xuño, ás 19:00 horas, o Centro de Interpretación do Pico Sacro acollerá a presentación do libro “Translatio”, de Pablo Iglesias Rendo. Un acto que incluirá entrega de exemplares e sinatura por parte do autor.
Cerimonia do lume sagrado
Por outra banda, o alcalde de Boqueixón tamén destacou que “despois de dous anos de pandemia e de non poder superar a treboada do ano pasado, agardamos que este ano poidamos recuperar a Cerimonia do Lume Sagrado, que terá lugar o domingo 18 de xuño, ás 13:00 horas, no Pico Sacro. Contaremos coas actuacións de Luz do Ilicinio da Asociación cultural Mestre Manuel Gacio, e da Asociación do Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada). E tamén haberá entrega do lume sagrado: o 23 de xuño a todas aquelas persoas e entidades que queiran facer as súas fogueiras na noite de San Xoán”.
A Cerimonia do Lume Sagrado é unha cerimonia celta encabezada pola raíña Alda e o seu séquito, que recuperará de forma simbólica a tradición dos nosos ancestros na festa do solsticio de verán a través da obtención do lume sagrado directamente do Sol. Todos os que queiran recoller o lume sagrado para prender as súas fogueiras da noite de San Xoán, poderán levar unha candea do Pico Sacro o 23 de xuño, de 18:00 a 20:00 horas.
Manuel Fernández Munín, agradeceu a colaboración de todas as persoas e entidades que participan na programación deste ano e insistiu en que “dende o Concello de Boqueixón seguiremos traballando na posta en valor do noso patrimonio histórico, cultural e natural. Porque seguimos convencidos de que o Pico Sacro merece ser declarado Ben de Interese Cultural. Motivos hai máis ca de sobra e nós seguiremos traballando para que esta distinción se produza o máis pronto posible”.