O Concello de Boqueixón colabora coa Fundación Amigos de Galicia e a Xunta de Galicia na posta en marcha do programa de acompañamento “Nosos maiores, mellor acompañados”. Trátase dunha iniciativa gratuíta dirixida ás persoas maiores de Boqueixón, en especial aquelas persoas que vivan soas, para promover un envellecemento activo mediante a súa sociabilización e dixitalización. Para iso, ofreceranlles catro sesións nas que lles ensinarán a manexar o teléfono móbil e os ordenadores para realizar xestións a través de Internet (pedir citas médicas ou coa Administración, banca electrónica…).
Serán un total de 10 horas de formación, repartidas en catro sesións que terán lugar os días 19 e 26 de abril, así como o 3 e 10 de maio. As clases celebraranse na biblioteca municipal de Boqueixón, en horario de 10:00 a 12:30 horas. A participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no Departamento de Cultura ou chamando ao teléfono 981 513 115.
Os obradoiros contan cun simulador de caixeiro automático bancario e teléfono móvil para que, de forma práctica, os/as alumnos/as poidan experimentar unha aprendizaxe significativa e interiorizar as actividades propostas; tales como solicitar unha cita médica a través da APP móbil do Sergas, gardar quenda no seu Concello ou Centro de saúde, sacar diñeiro no caixeiro, actualizar a súa cartilla ou manexar os seus teléfonos móbiles.
Uns obradoiros prácticos e sinxelos que teñen como obxectivo final favorecer a independencia dixital das persoas maiores de Boqueixón, para que así poidan levar a cabo as súas tarefas diarias de maneira autónoma.