O Concello de Boqueixón organiza unha actuación e un obradoiro para conmemorar o Día do Libro. Unha iniciativa que terá lugar o próximo venres 21 de abril, de 16:00 a 17:00 horas, na biblioteca municipal de Boqueixón e que está dirixida a nenos e nenas de 3 ou máis anos. A participación é gratuíta, sendo preciso anotarse previamente no Departamento de Cultura ou chamando ao teléfono 981 513 115.
A Xanela do Maxín presentará “Lúa quere viaxar a… Marte!”, unha actividade para fomentar a igualdade de oportunidade entre homes e mulleres que conta a historia de Lúa que, malia todos os atrancos e dificultades, non está disposta a renunciar ao seu soño de ser astronauta, polo que fará todo o posible para logralo.
Esta iniciativa, que pon de relevo o traballo de grandes mulleres científicas, investigadoras e astronautas, está organizada polo Concello de Boqueixón e conta coa colaboración do programa Ler Conta Moito e da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.