O Concello de Boqueixón informa de que a Xunta de Galicia vén de adxudicar por 887.280 euros a execución das obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro. As actuacións, adxudicadas á empresa Nemesio Ordoñez S.A., permitirán a rehabilitación do firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, esta última no tramo da Susana a Ponte Ledesma.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade traballa coa previsión de comezar as obras na segunda quincena de abril, co fin de telas rematadas neste mesmo ano, xa que contan cun prazo de execución de 6 meses. Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente nos 16,91 km da estrada. Ademais, aplicaráselle un rego de adherencia, para mellorar a seguridade, e reporase o seu firme con 5 centímetros de aglomerado en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dá así cumprimento a un compromiso adquirido co alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín, durante unha visita realizada ao municipio. Un encontro no que as autoridades locais lle fixeron chegar os desperfectos existentes no firme da AC-960 e mesmo a acompañaron ata a estrada, onde a conselleira puido comprobar as necesidades sobre o terreo.