O Concello de Boqueixón, en colaboración coa Fundación Xosé Neira Vilas e o CPI Antonio Orza Couto, convoca o IX Certame de Relatos Xosé Neira Vilas co obxectivo de potenciar a lectura e a promover a lingua galega escrita como medio de creación e comunicación. Como novidade, este ano o certame estará aberto a calquera persoa adulta interesada de Boqueixón así como a escolares matriculados no centro educativo do concello. En ambos casos, os traballos deberán entregarse na biblioteca municipal ou no CPI Antonio Orza Couto antes do 21 de abril.
Establécense catro categorías: 3º e 4º de Primaria, 5º e 6º de Primaria, Secundaria e Adultos. Cada participante poderá presentar un único relato, de temática libre. Os traballos serán propios e inéditos, escritos a ordenador (letra Calibri, tamaño 12). O texto entregarase en galego, podendo incluír ilustracións. A extensión mínima é de 40 liñas (1ª e 2ª categoría), 60 liñas (3ª categoría) e 80 liñas (adultos).
Para garantir o anonimato, o relato irá identificado coa categoría á que opta e cun pseudónimo. A ficha de participación cos datos correspondentes irá nun sobre pechado que estará grampado ao texto.
Por cata categoría hai tres premios de 125, 100 e 75€ en vales en libros e material escolar, así como diploma e unha edición do libro de recompilación dos relatos. A entrega dos premios terá lugar nun acto co gallo do Día das Letras Galegas.
Adxuntos
- Diptico Neira Vilas (926 kB)