O CPI Orza Couto acolleu “Deporte: Igualdade de xénero”, un encontro da rapazada con mulleres deportistas de éxito que serviu para poñer en valor a importancia de rachar con prexuízos sexistas e aceptar a inclusión na práctica deportiva. Unha iniciativa organizada polo CIM de Boqueixón co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e que contou coa colaboración do Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón, Deporte Galego e do profesorado do CPI Orza Couto.
Na charla participaron Verónica Calvo Dopazo, actual seleccionadora galega de Carreiras por Montaña; Ainhoa Rodríguez, pedagoga e directora do Departamento Nacional de Para-Kárate (modalidade que permite a participación de atletas con distintas discapacidades); Rosa Sierra, catedrática de matemáticas e dobre medallista europea de Atletismo Máster nos 3.000 e 5.000 metros; e a súa irmá Elena Sierra, mestra universitaria en Educación física e atleta. Unha charla na que foron introducidas por Cristina Carbajales e Yolanda Neira, directora e psicóloga do CIM de Boqueixón.
As poñentes falaron da súa traxectoria persoal e coincidiron en resaltar a importancia de ser constante para conseguir un obxectivo. Así mesmo, animaron a toda a rapazada a loitar polos seus soños e, en especial, instaron ás rapazas a que non deixen a práctica deportiva ao chegar ao Bacharelato, que é onde se atopan as taxas máis altas de abandono. Ademais de responder ás preguntas da rapazada, o acto rematou coa sinatura de autógrafos.
Cristina Carbajales salienta que “estas deportistas racharon con numerosos estereotipos e fomentaron e manteñen a loita pola igualdade da muller a través do deporte. O deporte é un valioso instrumento para empoderar a infancia e a adolescencia, para previr a violencia de xénero e para eliminar estereotipos. As mulleres continúan loitando por deixar pegada no ámbito deportivo: actualmente temos moita más presenza na sociedade, nos deportes de elite temos moita representación feminina con grandes logros”.