O CIM de Boqueixón organiza “Deporte: Igualdade de xénero”, un encontro da rapazada do CPI Orza Couto con exitosas mulleres deportistas para poñer en valor a importancia de rachar con prexuízos sexistas e aceptar a inclusión na práctica do deporte. Unha iniciativa na que participarán Verónica Calvo Dopazo, seleccionadora galega de Carreiras por Montaña; Ainhoa Rodríguez Fernández, pedagoga e directora do Departamento Nacional de Para-Kárate; as atletas Rosa Sierra e Elena Sierra; así como Nikol Carulla Kocsis, xogadora de bádminton.
O encontro terá lugar este luns 6 de marzo, de 10:00 a 11:30 horas, no CPI Orza Couto de Boqueixón. Unha iniciativa organizada polo CIM de Boqueixón co gallo da conmemoración do 8M Día Internacional da Muller, en colaboración co Departamento de Deportes do Concello de Boqueixón, Deporte Galego e profesorado do CPI Orza Couto.
Verónica Calvo Dopazo é a actual seleccionadora galega de Carreiras por Montaña e imparte en Boqueixón a Escola Deportiva de Carreiras de Montaña a través do CDM Vértice. A nivel deportivo, en 2019 foi subcampioa da Copa Galega de Carreiras por Montaña, do Desafío Galaico e do Naturfest, entre outras probas. Ainhoa Rodríguez é pedagoga e directora do Departamento Nacional de Para-Kárate (modalidade que permite a participación de atletas con distintas discapacidades) e vogal da Federación Galega de Karate. A ferrolá Rosa Sierra é catedrática de matemáticas e dobre medallista europea de Atletismo Máster nos 3.000 e 5.000 metros. Nikol Carulla Kross é unha das xogadora júnior de bádminton máis prometedoras a nivel nacional, que vén de gañar a medalla de ouro no Portugal Junior Intenacional.