O Concello de Boqueixón, a Asociación Cultural da Filloa de Lestedo e El Corte Inglés de Santiago de Compostela presentaron hoxe unha acción de promoción da Festa da Filloa de Lestedo, que se desenvolverá na cafetería de El Corte Inglés nos próximos días. Así, ata o vindeiro 22 de febreiro, unha filloeira elaborará no centro comercial e en directo este produto tradicional da gastronomía galega tan típico do Entroido, como fixo esta mañá Carmen Mella.
As xornadas foron presentadas polo alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; o responsable rexional de Gran Consumo, Club del Gourmet, Hostalería El Corte Inglés Galicia-Asturias, Raúl Vázquez Valleres; e o presidente da Asociación Cultural da Filloa de Lestedo, José Manuel Canabal.
Manuel Fernández Munín agradeceu a colaboración de El Corte Inglés na promoción da Festa da Filloa de Lestedo, declarada de interese turístico de Galicia. “Para o Concello de Boqueixón é un orgullo contar un ano máis co apoio de El Corte Inglés para poñer en valor un produto tan noso e tradicional como é a filloa de Lestedo”, sinalou o rexedor.
Pola súa banda, Raúl Vázquez Valleres resaltou a vinculación de El Corte Inglés coa cultura a tradición e a gastronomía de Galicia, poñendo sempre a disposición do entorno o escaparate dos seus centros como plataforma de divulgación de iniciativas como a Festa da Filloa de Lestedo, ao mesmo tempo que enriquece a experiencia dos seus clientes, que terán o privilexio de degustar e ver en directo como se elabora un dos manxares máis lonxevos e xenuínos da gastronomía galega.
Finalmente, José Manuel Canabal destacou que “van ser dez anos colaborando con El Corte Inglés, a quen temos que agradecer a difusión que fai da Festa da Filloa de Lestedo entre os seus clientes e que nos axuda a sumar cada ano máis visitantes ao que comezou sendo unha festa parroquial e que, corenta anos despois, está consolidada como un dos referentes gastronómicos de Galicia”.
Dende hoxe e ata o vindeiro 22 de febreiro, todos os días entre as 13.00 e as 16.30 horas, unha filloeira elaborará en directo Filloas de Lestedo na cafetería de El Corte Inglés de Santiago de Compostela. Os asistentes poderán degustar as filloas de forma gratuíta como anticipo da gran festa, que terá lugar o domingo 26 de febreiro en Boqueixón.