O Concello de Boqueixón lembra que a partir de mañá mércores 8 de febreiro abrirase o prazo aos particulares para solicitar as axudas do programa “Galicia Renova Electrodoméstico”. Unhas axudas que poden solicitarse en calquera dos establecementos comerciais adheridos á campaña, coa data límite do 30 de setembro para solicitalas ou que se esgote o crédito.
As axudas son de concorrencia non competitiva, é dicir, outórganse por orde de solicitude e son tramitadas a través de entidades colaboradoras. Os apoios poderán acadar o 25% do prezo do electrodoméstico para un consumidor xeral e do 50 ou 75% para os consumidores con máis dificultades, polo que, segundo a tipoloxía de electrodoméstico e o consumidor, as axudas irán desde os 100 aos 450 euros.
Estas achegas están dirixidas a persoas que queiran renovar os seus equipos por outros da mesma tipoloxía e coa seguinte cualificación enerxética: frigorífico ou frigorífico conxelador A, B, C ou D; conxelador A, B, C ou D; lavadora A, B ou C; lavalouza A, B ou C; ou encimera de indución total. Cada beneficiario só poderá recibir unha axuda para cada unha das tipoloxías cun máximo de tres electrodomésticos por beneficiario. Os particulares poderán solicitar as axudas a partir do 8 de febreiro e ata que se esgote o crédito, sendo a data límite o 30 de setembro.
O listado de establecementos adheridos por provincias e concellos pode consultarse na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), no apartado Plan Renove Electrodomésticos 2023. Esta nova convocatoria da Xunta prevé favorecer o aforro económico, a redución do consumo enerxético e mingua a das emisións contaminantes, ademais de contribuír a xerar emprego.