O Concello de Boqueixón informa de dúas convocatorias de axudas da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia ao rural que veñen de ser publicadas no DOG.
1- Axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios.
Suma 30 millóns de euros en axudas para investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). No caso das subvencións, consistirán en axudas para a execución deses proxectos, mentres as garantías para préstamos consistirán en garantías do 80% do risco inherente a cada empréstito formalizado destinado a financiar os investimentos.
O prazo de presentación de solicitudes para subvencións desta convocatoria será dun mes contado a partir do 27 de xaneiro. Mentres, o prazo para solicitar préstamos garantidos finalizará o 30 de marzo deste ano.
Beneficiarios. Poden optar a estas achegas os empresarios individuais ou sociedades que realicen actuacións como a construción, adquisición e mellora de bens inmobles, así como a compra de terreos ata un valor inferior ao 10% do total dos gastos subvencionables. Tamén se sufragará a compra de maquinaria e equipamentos novos, a adquisición de programas informáticos e de patentes ou licenzas relacionadas cos procesos produtivos.
Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230127/AnuncioG0426-301222-0007_gl.html
2- Axudas a proxectos de investimento de actividades non agrícolas.
Subvencións para proxectos de investimento en actividades non agrícolas, cun orzamento de 3,4 millóns de euros, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
O prazo para presentar as solicitudes para optar a estas axudas é dun mes a partir de mañá, martes 31 de xaneiro.
Beneficiarios: as microempresas e as pequenas empresas situadas en zonas rurais e construídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2022 e aquelas persoas físicas que residan nunha zona rural e estean suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomas, tamén con anterioridade ao 1 de setembro do ano pasado. Tamén poderán acceder ás achegas titulares dunha explotación agraria, ou membros da súa unidade familiar, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
Máis información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230130/AnuncioO90-301222-0003_gl.html