O Concello de Boqueixón informa de que o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto da Consellería de Medio Rural polo que se declara de utilidade pública a concentración parcelaria de Lamas, Loureda, Sergude e Vigo (Boqueixón), canda outros oito procesos a nivel de Galicia, que suman máis de 8.900 hectáreas e que beneficiarán a máis de 5.600 propietarios.
No caso concreto de Boqueixón, o perímetro da zona de reestruturación abrangue unha superficie de 1.956,70 hectáreas, cun total de 8.101 parcelas. Beneficiaría directamente a un total de 1.224 persoas propietarias. Na actualidade existen na zona 120 explotacións en activo, na súa maioría de vacún, équidos e porcos.
Este decreto de concentración parcelaria declárase mediante a Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir considerablemente os seus custos de produción. Un proceso solicitado polos titulares das explotacións e apoiado Concello de Boqueixón para reorganizar o territorio e mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias da zona.